Friday 19 de April de 2024

A Xunta retoma a competición da Liga Galega de Break en Noia o próximo sábado 11 de setembro


― Na actividade poderán participar desde persoas que se atopen no nivel de iniciación ata no avanzado a partir dos 6 anos de idade

― Pontevedra, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Vigo serán as seguintes sedes que acollerán este torneo

― A proposta, organizada pola Asociación Vella Escola, estase levando a cabo gracias ao apoio e colaboración da Consellería de Política Social e a Secretaria Xeral para o Deporte

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, presentou hoxe durante unha rolda de prensa a volta da competición da Liga galega de Break, unha actividade que terá lugar o próximo sábado 11 de setembro no Espazo Xove de Noia.

Trátase dunha iniciativa posta en marcha este ano por primeira vez e que se está desenvolvendo en diferentes puntos da xeografía galega como Viveiro, Lalín, Vilagarcía de Arousa ou A Coruña. Esta proposta, organizada pola Asociación Vella Escola, estase levando a cabo gracias ao apoio e colaboración da Consellería de Política Social e a Secretaría Xeral para o Deporte.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, acompañada na rolda de prensa polo alcalde de Noia, Santiago Freire; pola xefa de servizo de deporte en idade escolar, Belia Méndez; e polo xerente da citada asociación, Pablo Castiñeira, puxo en valor a posta en marcha deste tipo de competicións que supoñen alternativas de lecer saudables, atractivas e con todas as medidas de seguridade para as mozas e mozos galegos.

Noia é unha das dez sedes que acollen este torneo posto en marcha pola Xunta de Galicia. O primeiro foi o concello lucense de Viveiro o pasado 22 de maio, seguido de Lalín o 5 de xullo, en Vilagarcía de Arousa o 19 de xuño e na Coruña o 26 dese mesmo mes. Agora tócalle a Noia e, a continuación, a Pontevedra, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, e para rematar, Vigo.

Destinatarios
Esta actividade permite unha ampla tipoloxía de participantes, xa que na Liga galega de Break poden formar parte todas as persoas que teñan 6 ou máis anos. Ademais, nesta competición existen varias categorías, polo que poden inscribirse os que se atopen desde no nivel de iniciación ata no avanzado, competindo nunha categoría ou noutra dependendo do seu dito nivel.

Un deporte olímpico
Unha importante novidade, que achega outro punto a favor nesta competición é o que Breaking debutará como deporte olímpico nos Xogos de París 2024. Isto indica un proceso de inclusión deste tipo de actividades no programa olímpico, que vén enmarcado nunha tendencia de expansión dos deportes urbanos por todo o mundo, xa que o Skate, o BMX e o Basket 3×3 tamén terán o seu debut como deportes olímpicos nos Xogos de Tokyo 2021.